Sergio Tannus trae a súa “alegría” aos peques

5 / 8 / 2015 |

As festas #MaríaPita2015 non dan un respiro (por sorte) e a Semana da Música Infantil está mooooi animada. Mañáse estréase o libro-cd de Sergio Tannus, moita "Alegría" e historias fermosísisimas que traspasan o corazón e a alma.

Era unha vez unha eiruguiña que saiu sen destino fixo, quería atopar a felicidade, pero non sabía como, polo camiño foise atopando con outros animaliños que lle foron contando como era a súa vida e por que eran felices. Ao final a eiruguiña… bo, non imos ser malas e non vos desvelamos o final por completo, aínda que si vos dicimos que é bastante feliz e que ao longo desta historia de “Alegría” vós e @s vos@s fillo divertirédesvos e disfrutaredes moito aprendendo con eles que hai distintos tipos de persoas, que todos somos únicos e que a nosa felicidade, que tamén é única, é posible de moitas formas diferentes. A que soa xenial?? Podería ser perfectamente un conto #DelRevés!!! Pois é o menú para mañá, xoves,  6 de agosto, na carpa que acolle a III Semana da Música Infantil na Feira do Libro, ás 20.00 horas.

Ao autor de todo este embrollo feliz, Sergio Tannus, seguro que o coñecedes das súas andanzas con María Fumaça. Músico brasilego, como el mesmo dí, embárcase agora nesta nova aventura na que recolle cancións que xa compuxera en Brasil hai anos, novas composicións e, por suposto o tema “Alegría” que xa moitos coñeceredes de María Fumaça.

Haberá moita alegría na actuación?

Nós tratamos de mantela aínda que estea complicado nestes tempos. Queremos levar un pouco de alegría a todos e que os pais, as nais e os nenos vexan que hai moitos tipos de alegrías no mundo, simples, diferentes, e cada un pode escoller a súa. Desde logo queremos espallar a alegría, que con esta historia da eiruga e a nosa música o público vexa que podemos ser diferentes e felices, alegres.

Música para todas as idades, logo?

Si, quería facer un cd infantil con unha parte moi divertida, con música que transmitise e que tivese tamén un trasfondo importante na historia. De aí xurdiu o conto desta eiruguiña que vai facendo amigos polo mundo e colle un tren que leva a Rui (o neno que foi leit motiv de María Fumaça) como maquinista. Chega á estación da alegría e despois dúrmese e cando esperta do seu soño é unha bolboreta pero despois de acadar esa felicidade que buscaba. Quería transmitir a mensaxe aos nenos e nenas de que podemos ser felices sen conseguir grandes cousas.

Alegría, grupo cd de Sergio Tannus, música infantil

Está Rui, está a canción “Alegría”, foi o proxecto de María Fumaça o desencadenante deste cd?

María Fumaça e Rui foron os responsables de que eu volvera traballar con nenos. En Brasil fixérao durante quince anos e alí compuxen a maioría das cancións que agora adaptamos para este cd porque quería que fora un pouco máis galego. Así que sí, de algunha forma, claro que foron os “causantes” de que saíse adiante este disco.

Acabades de estrear a formación musical no Festigal, que tal foi a estrea?

Moi ben, pero o traballo previo era o máis complicado porque no disco hai moitísimos músicos colaborando e todo iso había que reducilo a un grupo estable, o que se estreou o 25 de xullo, no Festigal, con tres instrumentos e unha voz. Agora estamos pechando novas citas con esta nova formación pero, polo momento, xa sabemos que estaremos no Festival da Luz, o 13 de setembro.

Que se van atopar as familias mañá na Coruña?

Música, historias, alegría, personaxes moi divertidos (cada un escolle despois o seu preferido), coreografías, diversión. Seguro que moitos aínda non terían tempo de aprenderse as letras, pero iso forma parte da evolución do disco, a vindeira vez que veñamos xa cantarán todos todas os temas. É moi fermoso ver esta aprendizaxe e como o público vai enganchando pouco a pouco cun disco. Ver os primeiros vídeos que che mandan cos pequenos cantando as cancións é precioso. Agora, nos concertos, a que todo o mundo se sabe, por suposto é a canción de “Alegría”, logo, irán escollendo as novas favoritas.

Así que, xa sabedes, un pouco de alegría nunca nunca vén mal. Mañá, xoves, ás oito, en Méndez Núñez… ahh e non esquezades que a III Semana da Música Infantil segue, hoxe mércores será “Un conto ao revés”, de Chuches Amil, o venres é o momento de gatuxar con Magín Blanco e o sábado pecha con “Lucecús”, de Pirilampo. Menuda semana levamos! 🙂 Aproveitade e Alegría!!

 

Compartir:

Tamén che pode interesar...

Cantamos e contamos con Antonio Rubio e Kalandraka

Imos cantar e contar cos libros de Antonio Rubio en Kalandraka. Despois do encontro co autor ao que fun a semana pasada animeime a alimentar un pouco a miña recén nacida canle de youtube con algunhas cancións-contos que lles encantan aos máis peques da casa.

Furious Monkey House

Teñan coidado, chegan os monos furiosos

Todo empezou con unha panxoliña de unha nena de seis anos en Pontevedra e acabou gravando un disco nos estudios de Abbey Road. Aínda que, en realidade, de “acabar” nada, porque a este grupo de músicos e ao seu profe lles queda todo por diante. De momento, a seguinte cita é o venres na Coruña, valo perder?

A biblioteca máis fermosa do mundo está en Arxentina

A dor pode ser o xerme dos mellores inicios. É o meu lema, sempre podes cambiar o final do conto, mesmo cando che pareza que o día é o máis negro que viviches. Sempre podes darlle a volta á historia. Hoxe tráioche o mellor dos exemplos. A historia da biblioteca máis fermosa do mundo. Do outro lado da árbore está en La Plata, provincia de Buenos Aires, e é o produto do amor de unha nai pola súa filla, do traballo de un grupo de soñadores/as que queren infancias co sol para todos/as os/as nenos/as do mundo.

Interésache colaborar connosco? Cóntanos
Malas madres
Madre Esfera
Utilizamos cookies propias e de terceros. Si continuas navegando, entendemos que aceptas o seu uso.