A gramola máis divertida

4 / 8 / 2015 |

A III Semana da Música Infantil trae cada serán unha nova cita a Méndez Núñez. En O mundo ao revés falamos con algún dos grupos máis novos que animarán a tarde aos pequenos da Coruña. Hoxe toca o rock, pop, blues... vamos, algo así como o Benetton dos estilos musicais, con mooooita marcha, A Gramola Gominola.

A estas alturas xa o saberedes, a cidade e, en especial, a Feira do Libro, énchese de música nesta III Semana da Música Infantil e é que, por sorte, os libros-cd están de moda. Nestes últimos anos a música vén acompañada de historias e ilustracións ben chulas co que “matamos dous paxaros dun tiro” e axudamos aínda máis a voar a imaxinación. E, por suposto, aquí en O mundo ao revés contámosvos os detalles destas citas imperdibles nas festas de #MariaPita2015. A de hoxe é para todos os gustos e públicos e moi moi larpeira. A Gramola Gominola é unha nova formación musical encabezada por artistas con experiencia en diferentes estilos e grupos galegos (entre eles o coñecido Mamá Cabra) que estarán na carpa instalada nos Xardíns de Méndez Núñez na Feira do Libro ás 20.00 horas. Falamos con Paco Cerdeiras (guitarra e coros) que nos dá as chaves desta cita que xa deberíades ter anotada nas vosas axendas para rockanrolear.

Os músicos gramoleiros tedes experiencia en distintos estilos e grupos, que pensades que aportades ao panorama musical galego?

Facemos música para todas as idades. Non cremos que a música teña que ser dunha determinada maneira por ser para nenos ou adultos. Temos mooitoo moito respecto polos nenos e non pensamos que merezan menos que ninguén por iso facemos a música que faríamos para adultos, pero con letras adaptadas aos rapaces e rapazas.

Nos vosos concertos daquela triunfades cos papás e mamás tanto como cos nenos e nenas?

Hai adultos que non entenden, que non conectan coa letra das cancións, pero desde logo coa música si. A música é para sentir, non hai que entendela, se tes que entendela é que non é boa. Así que se trata de que cadaquen a interiorice como lle cadre mellor.

Non cremos que a música teña que ser dunha determinada maneira por ser para nenos ou para adultos

Pop, rock, heavy, ska, punk… Que estilos musicais imos escoitar no cd e no concerto?

Facemos un repaso pola historia da evolución da música contemporánea e repasamos todos os estilos máis importantes. Non daría tempo a repasalos todos, por iso escollemos os máis significativos e si, hai moito rock, hai blues, reagge… Eu digo que son como as cores primarias, os estilos dos que parten o resto de estilos existentes.

O cd presentouse a finais de marzo, como están respondendo os rapaces e rapazas nos meses que levades de concertos?

O disco xira moito en torno ao rock pero os nenos e nenas sorpréndente sempre. No concerto de Brión, por exemplo, o tema punkie foi o que máis gustou e o que nos fixeron repetir. Nunca sabes o que vai triunfar máis porque a música, como dicía, non está pensada para unhas idades ou outras, senón máis ben para distintos estados de ánimo ou momentos do día. Se os rapaces están moi nerviosos, por exemplo, os pais non lles van poñer música que os excite máis, senón relaxante e se acabas de erguerte e queres animarte é cando toca oír algo cañeiro.

O importante é desfrutar coa música e notamos moito cando os pais e nais desfrutan coa música porque llelo transmiten aos fillos. Canto te cansas de estar oíndo sempre as mesmas cancións non transmites o mesmo que cando estás escoitando algo que che encanta, daquela créase unha conexión cos nenos que fai que todos desfruten máis.

Prometen preto dunha hora de diversión e espectáculo, unha “festa” na que a música estará acompañada dunha posta en escea divertida, teatralizada e diferente e, aínda que a andaina do cd non fixo máis que empezar, Paco xa lle dá voltas na cabeza a novas cancións para vindeiras aventuras gramoleiras. Ídelo perder? A gramolear!!!

Compartir:

Tamén che pode interesar...

“FAGAN MÚSICA E NON FAGAN A GUERRA…”

Un post breve pero moi intenso o da nosa colaboradora Carla López porque cando soa a música e o fai de esta forma tan intensa, as palabras sobran. Máis música, máis creatividade e menos pérdidas de tempo e esfuerzo en fins absurdas.

Aprender do berce á lúa

En O Mundo ao Revés somos amantes da lectura e queremos contaxiar o amor polos libros a todo o mundo mundial así que compartimos con vós un segredo a voces: a maravillosa colección para peques de Kalandraka, “Do berce á lúa”.

María Pita 2015

Queres sabelo todo todo sobre as festas de María Pita deste ano? Non sei se seremos capaces diso pero se queres pasalo ben e enterarte cada día das citas pensadas para as familias (e tamén algunhas para outros públicos) estás no lugar correcto. Descárgate os programas le esta información e séguenos todos os días que cho imos contando todo.

Interésache colaborar connosco? Cóntanos
Malas madres
Madre Esfera
Utilizamos cookies propias e de terceros. Si continuas navegando, entendemos que aceptas o seu uso.