A Gramola Gominola convídanos a desafinar

6 / 4 / 2017 |

Música para vivir, para desfrutar, música para bailar e, por suposto, música para desafinar porque, como nos din os nosos amigos de A Gramola Gominola, todos temos dereito a expresarnos coa nosa voz, sexa a que sexa. Hoxe presentámosvos o seu novo libro-cd, un imperdible nas casas do revés, nas viaxes en coche máis divertidas, nas festas de cumpreanos e na vida en xeal. Moitísimo bo rollo e enerxía a que nos transmiten os nosos amigos gramoleiros co seu rock e a súa diversidade.

O título do novo libro-cd de A Gramola Gominola é toda unha declaración de principios: “Cancións para desafinar” porque todos temos dereito a cantar, a expresarnos, a berrar se é necesario, porque a música non é máis que emocións e sentimentos que todos/as debemos poder expresar, cóntanos Paco Cerdeiras, un dos membros fundadores de este grupo de música infantil (familiar, diría eu máis ben) que foi un dos “culpables” de que a música en galego para toda a familia estea vivindo unha fantástica idade de ouro, tal e como xa che teño contado e case cantado por aquí.

Charlamos con Paco para que nos contase todos os detalles de este novo disco e mesmo gravamos a conversa para o noso podcast do revés, sí, sí, está a piques de lanzarse e xa non me aguantaba máis. Imos cumplir en breve dous anos e non queremos deixar de aportar e innovar. Por iso, desde finais de abril, tamén nos poderedes escoitar. Todos os posts terán incrustado un audio por se non vos dá tempo a lelo podedes ilo escoitando pola rúa e todos os meses sacaremos o noso programa especial de podcast do revés con novos contidos, entrevistas e noticias!!!

A Gramola Gominola

Os gramoleiros fuxindo das gominolas

Pechada a paréntese publicitaria, volvemos con Paco e todos os gramoleiros e gramoleira (Paula). Pasados os nervios da presentación oficial do disco, o pasado día 1 no Salón do Libro Infantil de Pontevedra, o grupo prepara xa novos concertos. O primeiro será o día 5 de maio en Ames ás 18.00 horas e o segundo o 21 en Ourense ás 12.00 (deixarémosvos por aquí os links de compra de entradas en canto estean dispoñibles). Razóns para non perderse estas citas e todas as novas que irán enchendo a axenda gramoleira? Todas as do mundo e todas moi do revés.

Moito, moitísimo rock, soul, un tema “de taberna irlandesa”, gospel, funk e moitísimo máis nos podemos atopar en este discazo que nos invita a “saír da ducha e cantar con toda a potencia do noso rouco peito, coa cabeza ben alta”. Porque, tal e como nos lembraba Paco, “ninguén che pode dicir que o que cantas está mal. O noso sistema tonal non é igual que o da India, por exemplo. Así que se imos cantar alí, seguramente pensen que estamos todos desafinados. A música é un veículo co que transmitir moitas cousas. non podemos esquecelo”.

Festa gramoleira dos gominolos

Festa gramoleira

Música que aposta pola diversidade e a diversión de principio a fin. Tal e como puntualiza Paco, nos seus concertos se entregan case case tanto os padis/nais coma os pequenos. “A risa contáxiase, ¿verdade?, pois o entusiasmo tamén. Cando ves que os pais están desfrutando a tope, os pequenos percíbeno e a cousa evoluciona de outra maneira”.

Cando preguntamos en que ou en quen se inspiran para compoñer as súas cancións, por suposto, non faltan os peques, o seu mundo e a súa imaxinación, pero tamén personaxes como “A avoa Fina” que, tal e como nos revela Paco é a avoa de Paula, cantante do grupo, e unha auténtica homenaxe a todas as grandes mulleres loitadoras do rural galego. “Unha muller que emigrou e que non se avergoñaba da súa cultura. Unha muller recta, honesta e loitadora”.

Falando da imaxinación infantil, por suposto, non podemos deixar de mencionar o tema que máis lle gusta ao peque do revés polo seu tono súper rockeiro “A fábrica de Carmela” que, tal e como nos conta Paco, é toda unha invitación “para que os nenos e as nenas se fagan moitas preguntas porque é a historia de unha nena que constrúe aparellos variados con cousiñas que vai atopando. Queremos que os pequenos se decaten de que se non empezamos a reciclar imos seguir creando residuos para nada e que, como mínimo, se fagan a sí mesmos preguntas interesantes”.

Cancións para desafinar A Gramola Gominola

Portada do libro-cd

O disco vén, como está sendo habitual nos últimos anos, en formato de libro-cd, en este caso acompañado de ilustracións de Iago Araújo. Os gramoleiros e gramoleira están felices co traballo realizado, como nos conta Paco, “foi incrible ver que non tiñamos nin unha soa pega a todo o que nos ía propoñendo. Conectamos con el dende o primeiro momento e, ao final , chegamos á conclusión de que é tan friki coma nós”. O estilo cercano ao cómic das ilustracións introduce, ademais, un novo elemento de diversidade e enriquecemento no proxecto.

Pouco que engadir ao xa dito, só que corrades a facervos con un libro-cd se queredes menear o esquelete até rompelo co ritmo e a risa e permitir que a túa voz saia da ducha porque todos temos dereito a desafinar, a bailar coma patos mareados e a desfrutar. Creo que me vou a facer un póster con esa mensaxe 🙂

Compartir:

Tamén che pode interesar...

Tic Tac Toc, Pablo Díaz volve á carga

Chega o novo disco de Pablo Díaz, “Tic Tac Toc” é o nome da súa banda e o de este disco no que fai unha pequena viaxe musical polo mundo. Esta semana preséntao na Coruña e Santiago así que charlamos con él para adiantarvos algunhas das súas novidades.

PELIMANTA MUSICAL II

Frío, choiva, abeto recollido, cansancio… Acaso non apetece un peli-manta? Hoxe Carla López, a nosa musicoterapeuta, tráeche un par de recomendacións de pelis para ver con e sen peques, ambas moi musicais, por suposto.

Dous anos do revés e un maio cheo de sorpresas

Esta semana cumpliremos dous anos na vida do revés así que estamos de celebración porque te aseguro que temos moitos motivos para celebrar e queremos compartir a festa contigo. Cambiamos a portada e abrimos unha canle de podcast en Ivoox. Máis de 80.000 personas se pasaron pola web en estes dous anos, máis de 215.000 visitas que nos enchen de vida e luz en cada click. Agora chegan os agsallos, por suposto, como en todas as festas así que non te perdas os SORTEOS do revés durante TODO o mes de maio.

Interésache colaborar connosco? Cóntanos
Malas madres
Madre Esfera
Utilizamos cookies propias e de terceros. Si continuas navegando, entendemos que aceptas o seu uso.